Ghana está pendente da FIFA para saber se contará con Quincy na Copa de África


O Celta regresará de vacacións seguramente sen que López Caro saiba se vai poder contar con Quincy durante os partidos que afronte o Celta durante o mes de xaneiro e parte de febreiro.

“La Voz” afirma que o holandés de orixe ganesa non estará con seguridade no primeiro partido do ano en Tenerife debido a unha sanción, pero a partir de aí non se sabe que pasará, pois está preseleccionado para disputar a Copa de África coa selección de Ghana.

Con todo o seu concurso co combinado africano está pendente dunha resolución da FIFA sobre a súa dobre nacionalidade, xa que o xogador céltico xogou na selección sub-21 de Holanda. Quincy realizou o pasado mes de abril unha petición oficial por escrito á FIFA para solicitarlle xogar con Ghana, amparándose nos novos estatutos do organismo que rexe o fútbol mundial, que permiten a un xogador que foi internacional en categoría inferiores cun país, xogar con outro na selección absoluta acolléndose á dobre nacionalidade. Un portavoz da FIFA, John Schumacher, recoñecera en abril que ían estudar o caso.

A Asociación de Fútbol de Ghana, desesperada ante a tardanza na decisión, realizou unha protesta formal por este atraso ante a FIFA fai dúas semanas pedindo unha resolución urxente. Quincy está nunha preselección de 40 xogadores e o 10 coñecerase a lista definitiva.


Image Hosted by ImageShack.us